Want to create interactive content? It’s easy in Genially!

Get started free

Biblioxornal nº 76

xmlores

Created on December 8, 2025

Start designing with a free template

Discover more than 1500 professional designs like these:

Vision Board

Periodic Table

SWOT Challenge: Classify Key Factors

Explainer Video: Keys to Effective Communication

Explainer Video: AI for Companies

Corporate CV

Flow Presentation

Transcript

b í b l i o x o r n a l nº 76

Nadal 2025

ALCÁNTARA ÁLVAREZ, Antolín, En memoria da nosa infancia, Editorial Elvira, Vigo, 2025, 160 pp. Para coñecermos a enorme diferenza entre a xeración dos avós e a dos netos, na época da infancia e adolescencia. Para os primeiros, a importancia nesta etapa das relacións sociais, imaxinación e creatividade era fundamental, mentres que agora os netos están sometidos e influenciados polas pantallas. Os feitos narrados suceden na etapa final do franquismo, nunha época de represión cara ao idioma galego, á sexualidade, á feminidade e a todo aquilo que non agradaba ao réxime e á Igrexa. Imos atopar situacións emocionais contrarias: moitos momentos divertidos polas travesuras dun grupo de amigos, e outros de tristura e insubordinación ao sistema, pero todos eles reais e contados tal e como ocorreron ou como o autor os lembra.

ALFAYA, An, Irracionais, Galaxia, Vigo, 2025, 176 pp. Unha invitación á reflexión sobre o respecto á diversidade fronte á intransixencia de quen rexeita as distintas identidades. A obsesión do neurólogo Vicente Barbosa polo número áureo, coa complicidade da publicista Alexia Velasco e do cirurxián plástico Bruno Rodas, lévaos a tramar un plan macabro cuxa cerna agroma da discriminación sexual e de xénero. O slogan da páxina web de Perfect Models: “A diversidade sexual non é ningunha barreira, senón unha ponte”, sérvelles de cebo para captar a mocidade vulnerable; a Nave será o espazo creado para a experimentación, e Andrea, Marcia, Maxi, Gladis e Iván, converteranse nas súas cobaias. Mais, non estarán sós, pois os actos perversos dos tres instigadores sementarán sospeitas ao seu arredor. Conseguirán ser desenmascarados?

ANEIROS, Rosa, Unha historia de amor coma outra calquera, Galaxia, Vigo, 2025, 176 pp. Unha novela chea de xistras, liques extraordinarios, calcetíns desparellos, cibercarrachos, infernos de neve e trenzas viquingas que conforman unha historia de amor coma outra calquera. A fascinación pola Antártida une ao explorador Ernest Shackleton e a científica Olalla Caínzos. A iso debemos sumar o odio que Alma sente por eles. A súa nai era divertida e unha contadora de historias magnífica ata que a obsesión polo continente branco e polo quecemento global a papou enteiriña. Por iso, ela está en guerra aberta co mundo, un mundo que inclúe ao seu pai, a profe Patricia, a súa examiga Lía e o instituto enteiro. Mais Alma non tardará en aprender que na fría, inhóspita e hostil Antártida, numerosas especies sobreviven grazas a unha inmensa capacidade de adaptación ao medio. E ela é un deses fascinantes seres, só que aínda non o sabe.

BARSAMIAN, David, Ocupa a economia. Cuestionando o capitalismo, Faktoría K, 2014, 184 pp. Unha completa análise da crise que o sistema capitalista atravesa desde os últimos anos da primeira década do século XXI. Os autores abordan o tema cun rexistro accesíbel e informal e desenvolven un ameno diálogo poboado de exemplos clarificadores para mostrar as verdadeiras orixes da desigualdade económica. As orixes da crise económica nos EE. UU. e a súa extensión ao resto do mundo; a resposta do movemento Ocupa Wall Street e a historia das ideas socialistas en Norteamérica; as profundas deficiencias estruturais do sistema económico capitalista e as súas consecuencias na vida das persoas; as alternativas para o futuro… son algúns dos temas que abordan nesta obra o experto economista Richard Wolff e o xornalista David Barsamian.

BESTEIROS, María, Penélope tece, Aira Editorial, Allariz, 2025, 32 pp. Penélope tece e lembra. E os fíos do seu recordo cóntannos unha historia onde a nostalxia e a beleza van construíndo un tapiz cheo de cor. María Besteiros toma o mito homérico como punto de partida para compor un poema ilustrado por Bea Gregores. Unha celebración literaria do amor e da resistencia.

CALOTO, Iván, Os rapaces só se tocan para darse de hostias, Galaxia, Vigo, 2025, 96 pp. Peza teatral que nace inspirada nun caso real, acontecido nun instituto de Vigo en 2024. O texto fala dunha realidade que continúa a afectar aos nosos adolescentes, intentando atopar as raíces sociais, psicolóxicas e culturais do bullying ou acoso escolar. A peza recolle personaxes da vida diaria, amosando que unha persoa pode ser vítima ou agresora, dependendo das súas circunstancias, e salientando a necesidade de pertenza ao grupo ou a relación coa masculinidade...

CALVO, Gloria A., LYNN, Camila e MILEO, Agostina, Puberdade en marcha, Kalandraka, Pontevedra, 2024, 64 pp. Obra escrita con claridade e rigor, dirixida a adolescentes que se atopan nunha etapa vital de grandes cambios, incertezas e confusión. O libro aborda preguntas comúns sobre a puberdade, como: Que é a menstruación? Como se relacionan os cambios coa reprodución? Que é a masturbación? Ademais de proporcionar respostas claras e dinámicas, o libro ofrece consellos, refuta mitos e anima aos adolescentes a formular preguntas que poidan compartir con outros mozos. Tamén aborda temas importantes como a toma de decisións, as relacións interpersoais, os ideais de beleza e a seguridade na internet.

CAMINO, Abril (pseudónimo de Rocío Otero), Mulleres que viven xuntas, Xerais, Vigo, 2025, 152 pp. Despois da morte de seu pai, Isabel, unha nena de dez anos, é acollida en Londres polos seus tíos. Cando regresa á súa aldea coñece a Chus, unha mestra que coidou da súa nai mentres ela non estaba e con quen vai iniciar unha relación de amor que durará toda a vida. O medo ao que dirán e a manifestar a súa situación sentimental durante a represión franquista, provoca que manteñan un segredo que lles afectará profundamente.

CARBALLEIRA, Paula, Alicia e a mestra de Oza, Xerais, Vigo, 2025, 40 pp. Alicia para realizar un traballo escolar ten que investigar a vida dunha muller da súa familia. No arquivo municipal atopa a fotografía dunha antiga mestra da vila; a partir dese descubrimento, visita escolas antigas e atopa unha placa adicada á mesma profesora. Cando lle pregunta á súa nai, esta dille que a súa bisavoa tamén fora mestra. A rapaza continúa indagando e descobre o impacto que tiveron aquelas mestras nas mulleres da zona e coñece a historia doutra mestra represaliada polas súas ideas durante a ditadura franquista. Entón fai o seu traballo co formato dunha carta dirixida á súa bisavoa Alicia, unha mestra silenciada, sen homenaxes nin placas que a lembren. A través desta carta, a protagonista recoñece a súa figura e restitúe simbolicamente a memoria das mestras depuradas e esquecidas.

CASTRO CERCEDA, Marisa, Soño de liberdade, Hércules de Edicións, A Coruña, 2025, 232 pp. A través de Sabela Couto Roriz, a autora reconstrúe a memoria dunha xeración que se atreveu a enfrontarse á submisión e ás múltiples violencias —tanto visibles como simbólicas— que condicionaban as súas vidas. A obra profunda na resistencia silenciosa e na determinación das mulleres que defenderon a súa dignidade, apostaron pola educación, buscaron autonomía e reivindicaron o dereito para decidir sobre o seu propio destino. Esta novela é tamén un exercicio de recoñecemento colectivo, unha maneira de dar voz ás pioneiras que, a pesar das dificultades, abriron brechas de luz nun tempo no que reclamar igualdade era considerado un acto de rebeldía.

COBAS, Xosé, Soño dunha sombra, Kalandraka, Pontevedra, 2025, 40 pp. Un álbum sobre a luz e o paso do tempo para amantes da arte, cun brillante epílogo do escritor Manuel Rivas. A luz, na súa orixe un punto na negrura da noite, crece ata facerse luminaria. Itinera, habita espazos e recupera elementos esquecidos, facéndoos recoñecibles. No seu lento percorrido, alumea lugares, descobre formas, crea penumbras, penetra nos soños e, á vez, xera un tempo. Un tempo lento. Non hai movemento sen tempo e a luz nesta historia desprázase da man do seu tempo. Ambos xeran silencio e misterio. O silencio da ausencia e o misterio das sombras e das penumbras. A luz primitiva, chegado o momento, debilítase aos poucos e dá paso a unha nova luz. Pero o tempo, inflexible, continuará o seu andar lento e inmutábel. O álbum complétase cun epílogo sorprendente de Manuel Rivas, que enmarca as ilustracións e establece paralelismos coa obra de diversos referentes da cultura universal, reforzando así a súa dimensión artística.

ESMORÍS, Érica, Erin e o lobo, Xerais, Vigo, 2025, 152 pp. Unha emocionante historia sobre a forza das palabras, a beleza dos vínculos invisibles e o desexo profundo de atopar un lugar no mundo. Erin vive nunha cabana lonxe da civilización. Nunca viu unha cidade nin un colexio nin outro neno. Un día, o pai regálalle un libro vello e, ao lelo en voz alta, esperta un feitizo: a súa voz de cóxegas sacode o bosque enteiro. Erin faise bosque e o bosque faise nena. As súas palabras chegan a todas as criaturas (o raposo, o reiseñor, o olmo, a flor silvestre) e tamén a Noite, o lobo de pelame azul e corazón escuro condenado a vivir nunha cova pola súa manda. Erin é luz. Noite é escuridade. Salvar unha nena. Redimir un monstro. Lembrar onde latexa, de verdade, o fogar. Ás veces, todo iso comeza cun «Había unha vez».

GESTEIRA, David, A historia de Galicia en 30 obxectos, Aira Editorial, Allariz, 2025, 72 pp. Os obxectos axudan a gardar o pasado e mantelo vivo para nós. Con este libro vas coñecer como elementos tan cotiáns coma unha campá, un carro, unha moeda ou un reloxo nos comunican coa historia de Galicia. Polas páxinas desta obra do historiador David Gesteira pasan libros prodixiosos, ferramentas do pasado, edificacións senlleiras e multitude de historias do noso pobo.

GOSCINNY, René, FABCARO, Astérix en Lusitania, Xerais, Vigo, 2025, 48 pp. Nunha fermosa mañá de primavera un lusitano chamado Venagaes chega á aldea en busca dos irredutibles. Aínda que o seu acento é particular, a súa petición é moi clara: Venagaes necesita a axuda dos galos para librar dun bo apuro ao seu amigo Aversivés, un produtor de garum acusado de tratar de envelenar a Xulio César! Trasladados a Lusitania polo mercador fenicio Espigademaíz, Astérix e Obélix (e Ideafix) dispóñense a coñecer unha nova cultura e, a pesar dos viláns e os traidores, os nosos valentes heroes contarán coa axuda dos seus amigos lusitanos co fin de restaurar a xustiza.

LLAMAZARES, Julio, El viaje de mi padre, Alfaguara, Barna, 2025, 324 pp. A piques do noventa aniversario da Guerra Civil, Llamazares repite o roteiro que o seu pai, xunto a un amigo, fixo con 18 anos para ir á Guerra. Esta viaxe forzosa, que levou ao pai a cruzar gran parte da Península Ibérica (desde León ata a fronte de Teruel e logo a Castellón), comezou na provincia de León. Por medio da viaxe explora temas moi ligados á realidade da provincia de León e outras zonas do interior. O autor reflexiona sobre os recordos do seu pai, o silencio da guerra e a historia que permanece nas paisaxes. Durante o seu percorrido, Llamazares atópase co abandono rural, as estacións ferroviarias baleiras e a desaparición do mundo rural. En resumo, El viaje de mi padre é unha procura persoal e xeográfica que comeza na terra natal do autor e do seu pai, utilizando a provincia de León como o inicio do fío da memoria da guerra e como un espello do despoboamento actual.

LODI, Sandra, Adelina, Galaxia, Vigo, 2025, 110 pp. Premio Castelao de Banda deseñada 2024. Adelina foxe da residencia de anciáns onde está internada contra a súa vontade cun propósito tan teimudo coma ela: volver a súa casa."A historia inspírase na das heroínas de Sálvora", di a autora. Na década de 1920, catro mulleres salvaron a vida de máis de 20 persoas no naufraxio do barco Santa Isabel. "Tamén me marcou a película “Un día de furia”, a historia dun home que se cansa da súa vida e decide volver a casa", explica. Sandra Lodi válese da súa forza narrativa para crear unha sátira que faga reflexionar ao lector sobre o mundo no que vivimos que lle resulta "artificial e incomprensible". "O humor é a forma que coñezo para enfrontarme ao mundo. Unha forma de envellecer mellor", comenta.

MACEIRAS, Andrea, O corvo sobre a neve, Xerais, Vigo, 2025, 240 pp. Na era glacial, os Países Temperados pecháronlles as fronteiras aos emigrantes climáticos. A neve sepultou toda esperanza. E mentres os cidadáns lexítimos son controlados por asistentes persoais, os parias do frío son obrigados a tatuar a marca dun carrán ártico no fémur. Dryas e a súa familia viven afastados de todo. El sabe que os seus pais agochan un escuro segredo. Por iso, cando a nai e o irmán pequeno desaparecen sen deixar rastro, vese na obriga de fuxir canda o pai ata o límite da Zona Vedada. A súa única guía será un corvo creado coa chamada Tecnoloxía Eterna e sete libros antigos e obsoletos que detesta. O que Dryas non sabe é que alguén os busca na distancia. Nin que os segredos poden deixar cicatriz. Tampouco que, algunhas veces, a literatura é a única salvación posible.

NOIA, Adrián, Pontealbar, Galaxia, Vigo, 2025, 160 pp. A vida de Pedro de Pontealbar muda cando descobre que a fin do mundo está preto por culpa dun pacto entre o conde Albar e unha misteriosa criatura lendaria, o Demo da Serpe. A pantasma de Marcela, vítima da crueldade do conde, aparece para encomendarlle a Pedro a salvación da súa aldea antes de que sexa demasiado tarde. Comeza así unha aventura por un mundo indescritible situado no val do Río Grande, onde o protagonista encontrará unha chea de criaturas que o axudarán a lograr o seu propósito. Co apoio do mítico Vento do Bosque, Pedro rematará por aceptar que o seu destino estaba xa escrito desde antes de que nacese.

PORTAS, Manuel, Mazarelos, Galaxia, Vigo, 2025, 296 pp. Helena, profesora xubilada, novela as orixes do instituto histórico en que traballou e polo que pasaron figuras centrais da intelectualidade galega do século XIX. De carácter difícil, mesmo discute cos personaxes que participan na trama da súa historia. Dous deles, Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal, exalumnos do centro, xunto co pontevedrés Luís R. Seoane, andan atarefados preparando un revolucionario banquete de confraternidade con obreiros e artesáns que van celebrar en Conxo. Pola súa banda, Xosé López Amarante, director do instituto, vive obsesionado con que o edificio dos xesuítas, en Mazarelos, sexa todo el destinado ao ensino, evitando así as tensións que mantén cos habitantes que por caridade ocupan o terceiro andar, entre eles un carpinteiro e a súa filla, Candeloria, cos que ten enfrontamentos frecuentes.

RODRÍGUEZ, Anaír, Guía dos seres fantásticos que viven en Galicia sen que talvez o saibas, Xerais, Vigo, 2025, 72 pp. O home do saco, as meigas e bruxas, a man peluda, os trasnos ou o lobisome son algúns dos moitos seres fantásticos que viven entre nós. Cunhas ilustracións extraordinarias e un retranqueiro e coidado texto, Anaír Rodríguez tamén nos dá pistas sobre onde é máis frecuente poder atopalos, se son perigosos ou non ou cales son as súas principais habilidades. Unha guía perfecta por se algún día atopámonos con eles. Un libro para os nenos moi divertido e ilustrado magnificamente por David Rodríguez.

RUIBAL, José, Triquiñóns. 18 días a sombra. Dúas narracións inéditas, Galaxia, Vigo, 2025, 220 pp. O pontevedrés José Ruibal, autor teatral de recoñecido prestixio internacional, é tamén un pioneiro na temática da Guerra Civil na nosa literatura. Aproveitando o centenario do seu nacemento recuperamos unha obra narrativa rematada en 1956 pero que a censura impediu publicar. Situados na retagarda bélica dunha indefinida parroquia que agacha o Xeve natal do autor, unha serie de personaxes son tristes protagonistas da utilización dun terror que racha cos equilibrios dunha sociedade que queda inmersa no sufrimento. Nestes textos percórrense realidades que van desde a negación da lingua galega, a presenza imperativa da relixión, a leva obrigatoria, o traballo forzado ata o abuso e explotación das mulleres.

SACCO, Joe, Guerra en Gaza, Rinoceronte, Cangas, 2025, 36 pp. Un conxunto de comentarios gráficos sobre o último masacre israelí. Publicados por entregas na páxina web do Comics Journal, Guerra en Gaza consiste nunha serie de cómics e ilustracións que mostran a núa inmoralidade da propia “guerra” e as súas directas e tráxicas consecuencias. Empregando os seus habituais sinais de identidade, a honestidade, a compaixón e o humor negro, Guerra en Gaza achega unha crítica inflexible ao xenocidio israelí e á complicidade dos EE. UU.

SOUTO, Xurxo, A novela do Bravú, Xerais, Vigo, 2025, 208 pp. Velaquí unha obra que recolle a música e a experiencia colectiva dun fato de xente nova que, nos anos noventa, decidiu saír do rego do discurso dominante e -co poder da lingua galega- dialogar con vehemencia coa súa propia realidade. Proclama que transcendeu dende as marxes e deixou pegada en toda a súa xeración.

TORO, Suso de, Terra de sacrificio, Xerais, Vigo, 2025, 176 pp. Novela que utiliza como recurso literario unha hipotética entrevista entre Ramón Piñeiro e Castelao, para confrontar os relatos históricos e a construción da identidade galega. Segundo o autor, “a construción histórica destes personaxes difire da realidade dos feitos que sucederon”.“Este libro pretende revelar o personaxe verdadeiro que se esconde detrás do relato falso dun impostor”, di De Toro, insistindo en que todo o que escribe está sustentado en documentos históricos. “Piñeiro non foi o promotor de Galaxia nin o pai do galeguismo”, engade, fronte á figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, cuxa memoria foi cualificada por algúns como “idealista” ou “naif”.

VALIÑA, Carme V., Illa de sangue, Galaxia, Vigo, 2025, 176 pp. Unha novela que xurdiu na residencia literaria que autora realizou na Illa de San Simón. “É unha historia de lazos familiares, facendo referencias ao pasado de San Simón como illa que sufriu unha historia de represión terrible. Unha novela baseada na memoria, de como nos moldea o pasado, e todo, combinado coa historia de misterio pola desaparición dunha das protagonistas”, explica a propia autora.

VISO, Alberto M., La ceguera de Dios, Amazon, 2025, 492 pp. O noso compañeiro acaba dar ao prelo esta novela histórica ambientada nos anos máis escuros da Inglaterra isabelina, onde tres misioneiros xesuítas cruzan o limiar da súa patria convertida en terra inimiga. Perseguidos pola súa fe, acusados de traizón e espionaxe, o pai Campion e os seus discípulos emprenden unha viaxe brutal a través da persecución, a clandestinidade e a violencia, onde a salvación espiritual enfróntase á máis crúa ameaza física. Paralelamente, no corazón de Estremadura, a Duquesa de Feira lidera en segredo a resistencia católica desde o Palacio Ducal de Zafra. Rodeada de aliados e traidores, o seu mundo vese sacudido por intrigas, mortes e o longo brazo da espionaxe inglesa que non coñece fronteiras. Unha historia de fe, poder e lealdade en tempos de fractura relixiosa e política. Un testemuño de como a historia tamén se escribe con sangue, segredos e convicción.